sábado, 27 de junio de 2009

GAÑADORES DO II CERTAME DE MICRO-RELATOS A GUARDA

O II Certame de Micro-Relatos A Guarda, organizado pola Rede de Dinamización e a Biblioteca Municipal da Guarda, entregou, o pasado 25 de xuño, os agasallos aos gañadores desta segunda edición: un lote de libros en galego e un diploma que recibiron Alejandro Martínez Vicente, autor de “Zoe”, seleccionado polo xurado, e Anselmo Martínez Pena, que presentou o micro-relato titulado “Largo Soño” votado maioritariamente polos internautas recibindo, tamén, un áccesit do Xurado.
O concelleiro de Cultura e Novas Tecnoloxías, Antonio Lomba Baz, foi o responsable da entrega dos mencionados premios dun certame ao que se presentaron 15 micro-relatos procedentes de distintos puntos de Galicia e o resto de España (Ponteareas, Baiona, Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense ou Jaca).


ALEJANDRO MART ÍNEZ VICENT E, GAÑADOR DO PREMIO DO XURADO


Zoe
Zalo, cínico, ciumento e cirolán, zoscaba nela coma un za pateiro facendo zocos. Zoe, doce, dócil e cesante, vítima de Zalo do seu cinto zoante, da súa zuna e vicios. Zoe, cega, cedía, non se quería ceibar dese c ernil celoso. Dese túzaro zampallón recibía cero atencións e cen cicatr ices. "Ata que a morte vos separe". Así, coma un cerello, censurada, xaceron súas cinzas no cemiterio...
Alejandro Martínez Vicente. Baiona
ANSELMO MARTINEZ PENA, PREMIO DOS INTERNAUTAS E ACCÉSIT DO XURADO
Largo Soño
Baixaba do tren vestida de señora, acompañábaa un home, tamén, ben vestido.
Tratei de arrimarme a ela, tiña que facer algo para que se fixara en min. ¿Recordaríame? Eu, seguía sendo un pobre emigrante e estaba alí para subir ao mesmo tren do que ela baixaba. De súpeto recordei que na miña maleta sempre viaxaba aquela trenza do seu pelo que ela me regalara cando nos separamos naquel primeiro viaxe cara a emigración. Nunca máis nos volvemos a v
er e xa pasaron vinte anos. Agora podía devolverlle esa trenza co mesmo papeliño que ela escribira e dicía ”Esperareiche sempre, Quéroche moito”. Papeliño que atou con “outros pelos” ¡Díos, que angustia,vinte anos soñando!

martes, 16 de junio de 2009

ACTA DO XURADO

O día 11 de xuño tivo lugar a reunión do xurado cualificador do II Certame de MicroRelatos A Guarda, convocado pola Biblioteca Pública Municipal da Guarda e a Rede de Dinamización da Sociedade da Información do Concello da Guarda.

Formaron parte do xurado ós seguintes membros:

PRESIDENTE:

Antonio Lomba Baz: Profesor de Tecnoloxía no I.E.S. A Sangriña da Guarda, Concelleiro de Cultura e Novas Tecnoloxías do Concello da Guarda.

VOCAIS:

Marta Dacosta Alonso: Docente de Ensino Medio, membro directivo da Asociación de Escritores en Lingua Galega, poeta, gañadora do 1º premio de poesía "O Grelo" en 1993, premio González Garcés de poesía 1995, premio "Martín Códax", accésit del premio de poesía Esquío 1999 ; colaboradora en Castrellis, Olisbos, Dorna, A festa da palabra silenciada, Congostray e outras revistas e xornais.
Antón Ferreira Lorenzo: Mestre, correspondente do xornal Atlántico Diario, administrador da páxina web galiciasuroeste.info, autor de publicacións e colaboracións en diversas revistas e xornais.
Ramón Quiroga Barro: Profesor de Lingua e Literatura Galega no I.E.S. A Sangriña da Guarda dende hai 23 anos.

O xurado acordou outorgar os seguintes premios:

Premio gañador do certame ao microrrelato titulado Zoe, de ALEJANDRO MARTÍNEZ VICENTE, de Baiona

Accésit ao microrrelato titulado Largo soño, de ANSELMO MARTÍNEZ PENA, da Guarda.

No blogue creado para este certame, conpoucaspalabras.blogspot.com, votaron 58 persoas. O relato gañador do premio outorgado polos internautas cun total de 26 votos é Largo soño, de ANSELMO MARTÍNEZ PENA, da Guarda.

Os organizadores do certame e membros do xurado, felicitamos aos gañadores e agradecemos a participación de todas as persoas que fixeron posíbel este II Certame de MicroRelatos A Guarda.

A Guarda, 12 de xuño de 2009

miércoles, 27 de mayo de 2009

Soños

Os tronos e relampagos deron paso á intensa choiva, caía a noite e na cabaña a vella feiticeira tusía unha vez máis, demasiado fume quizáis...Son soños...só soños, voltou a repetir a modino, TODO é un gran soño, e non deiscou de balancearse, empoloirada...Tras un longo silencio e con voz ronca volveu dicir: Soños...soños longos e soños curtos, soños belos e soños horribles, pesadelos!!, soños alegres e tristeiros soños, soños que cantan e outros que choran, soños pacíficos, soños de guerra. Soños que che empurran a soñar, máis e máis, soños que che queren espertar, soños cálidos e soños xeados, soños que procuran e á veces atopan outros soños e se apertan. Millóns de soños, infinitos..
Pregúntase a vella, e afirma; se aos soños lles da por desaparecer... TODO ACABARASE!!
Mariela Acuña Chávez. Mos

martes, 26 de mayo de 2009

O noso idioma

Está o galego en perigo?. Deberiamos observar a situación dende a realidade social. Ao igual que na economía, é moi doado destruir mais, os procesos de reconstrucción e recuperación son moi lentos. O castelán, non necesita defensa, é de obrigado cumprimento, pois entón, fagamos o mesmo coa nosa língua, é doado. É o noso idioma orixinal, riqueza para nos. A resposta ten que ser do pobo, pero tamén necesita de achegas legais de fomento do uso e protección. Non debemos caer nos intereses de salientar conflictos lingüisticos. A nosa taboa de salvación está na xente nova é tamén en non afastar o galego da escola, xunto coa nosa participación persoal falando coma saibamos, e así contribuímos ao desenvolvemento do noso idioma.
Antonio Mouriño Taboada. A Guarda

Porque me pediches que te quixera?

Porque me pediches que te quixera?.... Corenta años despois aínda non atopei a resposta a esta anguria que me fai imposíbel erguerme da cama dende que me fixeches aquela maldita pregunta naquel día no que chegara por fin o verán a Galiza. ( Nota do diario correspondente a Felipe Bastos no día 20 de maio de 2009).
Gustavo Peaguda Pérez. Santiago de Compostela

Largo soño

Baixaba do tren vestida de señora, acompañábaa un home, tamén, ben vestido.
Tratei de arrimarme a ela, tiña que facer algo para que se fixara en min. ¿Recordaríame? Eu, seguía sendo un pobre emigrante e estaba alí para subir ao mesmo tren do que ela baixaba. De súpeto recordei que na miña maleta sempre viaxaba aquela trenza do seu pelo que ela me regalara cando nos separamos naquel primeiro viaxe cara a emigración. Nunca máis nos volvemos a ver e xa pasaron vinte anos. Agora podía devolverlle esa trenza co mesmo papeliño que ela escribira e dicía ”Esperareiche sempre, Quéroche moito”. Papeliño que atou con “outros pelos” ¡Díos, que angustia,vinte anos soñando!
Anselmo Martínez Pena. A Guarda

miércoles, 20 de mayo de 2009

Soaban as campás

Dong, dong, dong soaban as campás, tres toques cunha lixeira pausa entre eles. E outros tres, formando un cadencioso bucle sonoro, tocaba a defunto. O vento espallaba a siniestra melodia por toda a parroquia. Comenzaban a chegar os fregueses a igrexa. Algúns coxeando, outros co brazo entablillado, todos con aparatosas vendaxes.
O finado vivía coa súa muller e fillo nunha casa vella co chan de madeira. Daquela era costume facer os velorios na casa. A viuba encargáralle o seu fillo que fora ó monte cortar varizos de eucalipto para apuntalar o piso xa que moita xente acudiría. O mozo de nome Pepiño era coñecido polo seu alcume “O Despistado"
Manuel Ángel Álvarez Pérez. Camposancos (A Guarda)

Cuba

Entón recoñecín a mirada da fotografía cargada dun medo tan atroz que se me erizaron os pelos. Estaba tomada no sótano de abaixo e xamais a viu antes. Corrín a por unha linterna e o manojo de chaves da avóa. Púxenme un abrigo groso e collín o bote do aceite para botar na cerradura. Coa primeira ráfaga de luz non descubrín nada interesante. Á segunda, un manojo de ósos brancos sorríronme desde unha esquina. Souben que o avó nunca se foi a Cuba.
Lourdes Aso Torralba. Jaca (Huesca)

martes, 19 de mayo de 2009

A pantasma do turbante

Meus pais ian todos os sábados ó cine e a min deixabanme ó coidado dos mues irmáns. Metíamonos todos na cama dos meus páis, na radio poñian a hora do terror e eu ainda lles metía mías medo facendo algunha trasnada. Un sábado que estabamos escoitando a radio xúrovos que polo pasillo vin ún home que levaba un rolo de papel hixiénico na cabeza. Despois chegaban os meus pai do cine e metíannos a todos en cadansúa cama. Dende entón non fún capáz de deixar os pés fora da cama por medo a pantasma do turbante.
Rosa Margarita García Rivas. Vigo

lunes, 18 de mayo de 2009

Zoe

Zalo, cínico, ciumento e cirolán, zoscaba nela coma un zapateiro facendo zocos. Zoe, doce, dócil e cesante, vítima de Zalo do seu cinto zoante, da súa zuna e vicios. Zoe, cega, cedía, non se quería ceibar dese cernil celoso. Dese túzaro zampallón recibía cero atencións e cen cicatrices. "Ata que a morte vos separe". Así, coma un cerello, censurada, xaceron súas cinzas no cemiterio...
Alejandro Martínez Vicente. Baiona

domingo, 17 de mayo de 2009

As galiñas

Cando eramos nenos tiñamos unhas galiñas que eran nosas compañeiras de xogos,mentres nos lle liamos contos de Pulgarciño ,Capitán Trono ou fazañas bélicas elas observábanos .Pero un dia tamén quixeron ler,e cando nos fomos a comer,deixamos os contos o seu caron.O volver habían lido tanto que estaban todos los contos en miles de anaquiños.Os nosos preciosos contos que tanto queriamos,estaban todos esnaquizados.Iso si eran unhas galiñas moi ilustradas.
Pilar Martínez Uris. A Guarda

miércoles, 13 de mayo de 2009

Agora somos catro ;)

"pedín perdón polas miñas ausencias, e polos erros non cometidos, camiñei de puntiñas polo teu redor buscando simplemente un sorriso...

comprobei que o meu silencio, non ten porque ser o teu silencio, nin a miña desgana a tua.
caín na conta de que o meu silencio, precisa da tua verba.

E descobrín, non sen certa decepción: que ti foxes, cando eu me ausento."

- ¿que é isto?- preguntou alporizado.
-a nota que tiña nas mans, cando a atopamos-
-¡NENA! - non berre, xa non podemos facer nada.
Yolanda Domínguez Viñas. Tui

As historias de Xurxo

Había que facer só o que ela lle mandase, así podería saír a tempo para gozar do bo día de primaveira. Pero non, Xurxo non podía quedarse quedo. Era un neno inquedo, como calquer aventureiro; incapaz de atender ós profesores, só pensaba nas travesuras que cometería nada máis saír de clase, cando o seu pai o fose a buscar. Faltaban dez minutos e a Praza do reló resoaría dando as dúas en punto, entón abriríase a porta do cárcere cara á liberdade para él. Todas as tardes pasaba o mesmo, Xurxo saía a xogar con Breixo e Xoan, pero para él cada día era unha nova aventura, unha viaxe á vila mediaval da Garda.
Lidia Domínguez Meiriño. Ponteareas

martes, 12 de mayo de 2009

A lembranza do Doutor Sarmientos

O Doutor Sarmientos era un médico dos de sempre, daqueles que son recordados grazas a un suceso que roza o místico ríndose do incrible. Con café en man e a hora indebida o doutor recibe unha estraña visita,“O Pirulés”, o cacique do lugar que xa celebrara as de ouro, e a súa serventa, que escondía unha realidade irreal. O pobre doutor atemorizado e asoballado non tivo mais remedio que arrebatar o neno dunha nai que dende oito meses soñaba cun berce. O “Gran Xefe” sacando de arma do 1889 obrigou o doutor ao tráxico final. O médico nese intre pensou en todo o impensable que desexaba para “O Pirulés”. O druída enfeitizou ao home que cada noite na fraga busca ao seu neno perdido.
Juan Carlos Vázquez Ucha. A Coruña

domingo, 10 de mayo de 2009

A toleira de Mirella

No seu fogar, no seu traballo, na súa vida, ninguén lle facía caso xa.
Unha idea, un medo, un final, sabía que a encerrarían;
non sabía o porqué, o motivo, a razón.
Este o seu pecado. O manicomio, a súa cárcere. O rechazo, a súa condea.
Non estaba tan tola.

Noé Ferreira Rodríguez. A Guarda

O bico de Laszlo

Aquela noite o Kapital estaba a estourar e despois de chillar, brincar, fumar e beber a pote decidimos voltar para casa. Xa facía tempo que me estaban a amolar os zapatos de tacón negros e as medias rotas pola parte de atrás recordaban a longa noite de esmorga. O alborexar azul faíanos aterecer de frío e prendimos o último cigarro baixando pola rúa de Ervedelo. Despedíame do meu amigo, o húngaro sen nome. Eu ía marchar a Londres en pouco tempo. De súpeto bicáchesme e non entendín nada... Creo que ti tampouco.
Marta Garrido Camino. Ourense

sábado, 9 de mayo de 2009

Os campións aprenden das derrotas

André era un adicto a gañar. Fútbol, cromos, cartas e ata a consola, non lle gustaba perder nunca, por iso sabíase todo tipo de trucos e amaños para lograr a victoria. Como sempre gañaba, ninguén quería xogar con él, agás un rapaciño, Martiño, a quen humillaba unha e outra vez. Así, decidiuse apuntar o campionato galego de consola, pero unha vez alí encontrouse con que os xuices impediran todo tipo de trampas, polo que perdeu contra todos os contrincantes. A súa sorpresa veu cando escoitou o nome do gañador: Martiño, a quen nunca lle había importado perder, había aprendido de cada unha de aquelas derrotas, o que o había transformado nun campión
Sergio Rodríguez Teixeira. A Guarda

martes, 5 de mayo de 2009

BASES DO II CERTAME DE MICRO-RELATOS DA GUARDA

BASES DE PARTICIPACIÓN


A Biblioteca Municipal da Guarda e a Rede de Dinamización do concello da Guarda convocan o II CERTAME DE MICRO-RELATOS co fin de promover as Novas Tecnoloxías aplicadas á lectura.


  1. Poderán participar persoas maiores de 16 anos en diante sempre que o relato estea escrito en galego, sexa inédito e non presentado noutros certames.
  2. O tema será libre, cunha extensión máxima de 8 liñas escritas en fonte Times New Roman 12.
  3. A presentación das obras se realizará do modo seguinte: remitiranse ao enderezo electrónico microrelatosaguarda@gmail.com xunto cos datos persoais do autor/a (nome, apelidos, enderezo, teléfono de contacto, enderezo de correo electrónico).

  4. O prazo de presentación remata o día 27 de maio de 2009 ás 10 da mañá. Non se admitirán ás obras remitidas fóra de prazo.

  5. Haberá dous premios, un outorgado polos internautas, que votarán a partires do día 28 de maio de 2009 no modo que se indicará no seu momento; outro premio será outorgado por un Xurado formado por persoas relacionadas coas letras. O Xurado poderá conceder un accésit.

  6. Os premios poderán ser declarados desertos.

  7. O fallo do xurado darase a coñecer a partires do día 2 de xuño de 2009.

  8. O fallo de ámbolos dous premios será inapelábel.

  9. Todas as obras presentadas quedan en poder dos organizadores, podendo publicalas no xeito que consideren conveniente, figurando sempre o nome do autor/a.

  10. O premio consistirá na entrega dun lote de libros e diploma.

  11. As persoas gañadoras do certame deberán recoller o seu premio no Centro Cultural o día e hora que lle comunique. No caso de non poderen asistir persoalmente por residiren fóra do Concello, o premio será enviado por correo.

  12. A participación neste certame significa a aceptación total das bases.

  13. Os traballos presentados quedarán publicados no blogue: www.conpoucaspalabras.blogspot.com