miércoles, 9 de julio de 2008

Memoria das bágoas

Angustia, incerteza, dor, medo, moito medo ao que espera por diante e a continuar co xa coñecido, medo a enfiar novos camiños fora da terra.Andar de carros, gamelas, pausas de pobos pequenos e perdidas aldeas. Mar, bágoas, desacougo, sirena dun barco que se afasta en busca de ilusións e esperanzas. Abrazos, mans que se axitan nunha despedida probablemente definitiva no tempo, deixando o loito por herdanza.
Días e días de suba e baixada de mareas, de linguaxes diferentes, de roupas descoloridas por falta de futuro e soños contidos, de fame e de tristura. Finalmente a chegada ao sitio ansiado, e unha vez alí...
Edificios, ruídos, tráfico intenso, presas, rúas con mares de xentes descoñecidas que sorrín, calidez, traballo, futuro, arela do regreso, e morriña, moita morriña, para sempre...
María C. Vicente F. A Guarda

No hay comentarios: